Proxecto GEM

O Informe Executivo Galicia 2007 é o terceiro dos estudos que se levan a cabo sobre a nosa rexión no marco do Proxecto Global Entrepreneurship Monitor (GEM).

O Proxecto GEM, o observatorio internacional sobre a actividade emprendedora máis ambicioso ata a data, naceu no ano 1997 como unha iniciativa da London Business School e o Babson College (Massachussets, Estados Unidos), á que se foron sumando ata un total de 42 países, que son os que elaboraron informes correspondentes ao ano 2007.

España comezou a súa participación no ano 2000, coa redacción do primeiro informe nacional por parte do Instituto de Empresa. En 2003, esta institución marcouse un novo reto: proporcionar indicadores da actividade emprendedora no ámbito nacional e buscar equipos rexionais que trasladasen o seu modelo de estudo ao ámbito rexional. Grazas a esa aposta, cada ano fóronse incorporando ao proxecto equipos investigadores de ámbito rexional que permitiron caracterizar o fenómeno emprendedor nas distintas comunidades autónomas e establecer comparacións entre estas e os países participantes neste proxecto.

alt

Deste xeito, en 2007, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, a Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia, Navarra e o País Vasco, Ceuta e Melilla dispoñen de informes con características similares ás que se presentan neste estudo, coordinados por equipos de investigación nos que colaboran entidades semellantes ás que están a traballar en Galicia: a Universidade de Santiago de Compostela, BIC Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia.

O resultado final é un "informe de situación" a diferentes niveis, cuxo propósito é proporcionar información e elementos de debate para os axentes implicados en estimular a actividade emprendedora, e especialmente para os que teñen capacidade de decisión e están interesados na promoción da actividade empresarial

Enlaces